Wednesday 15 de May de 2024

Marta Álvarez valora os pasos dados polo PSdeG para paralizar o traslado da farmacia de Marrozos: “estamos falando de garantir servicios no rural, unha cuestión fundamental precisamente para evitar o seu despoboamento


A concelleira socialista insiste en que con esta operación de traslado, non só quedaría desatendida esta parroquia, senón tamén o Eixo, Aríns, San Breixo de Sergude en Boqueixón ou San Xián de Sales en Vedra

Logo de conseguir sacar adiante unha declaración institucional por unanimidade da corporación municipal, o Grupo Parlamentario Socialista vén de presentar unha proposición non de lei no Pazo do Hórreo para frear o peche da botica

O Partido Socialista segue fincado en paralizar o traslado da farmacia de Marrozos ao Castiñeiriño. O último foi a presentación dunha batería de preguntas e unha proposición non de lei no Hórreo para que o Parlamento de Galicia debata se debe permitirse ou non o peche dunha botica que implicaría “desatender a preto de 6.000 persoas”.

A concelleira socialista, Marta Álvarez, insiste na gravidade do asunto debido ao efecto que tería esta actuación para as veciñas e veciños da zona “a meirande parte delas, persoas maiores e con problemas de mobilidade e dificultades para acceder a un transporte” que “pasarían de ter unha farmacia a 100 metros, a verse na obriga de desprazarse 5 quilómetros para acudir a Lestedo ou o Castiñeiriño”.

Insistindo na tese de que esta operación responde a intereses empresariais e contravén a Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia, que establece que non se poderá autorizar o cambio de emprazamento se este produce un detrimento grave do servizo farmacéutico da zona, Álvarez recalca ademais que se trata de “garantir servizos no rural”, unha cuestión “fundamental para evitar o despoboamento”. E é que, recorda, “non é só Marrozos, é tamén o Eixo, Aríns, San Breixo de Sergude en Boqueixón ou San Xián de Sales en Vedra”, lugares dos que proveñen moitos dos usuarios da farmacia que pretende baixar a persiana.